O mércores 6 de novembro, tivemos a oportunidade de asistir á Xornada ES-MENTORING, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración con EspazoCoop e AGACA. No evento participaron o Secretario Xeral de Emprego e Relacións Internacionais, a presidenta de EspazoCoop e o xerente de AGACA, entre outras persoas destacadas no ámbito da economía social.
Durante a xornada, realizouse unha análise exhaustiva das dúas edicións previas do programa ES-MENTORING, onde se puxeron en común as experiencias, reflexións e aprendizaxes compartidas entre mentoras e mentorizadas. Esta análise permitiu identificar puntos clave e melloras, así como destacar os logros obtidos co apoio mutuo.
O evento culminou cunha dinámica participativa dirixida por Xeneme Innovación Social. Nesta sesión, todas as persoas participantes tiveron a oportunidade de debater sobre os problemas, innovacións e retos futuros que enfronta a economía social en Galicia. Traballamos en oito grandes desafíos que buscan dar resposta a temas prioritarios como a sustentabilidade, a inclusión e a xeración de novas oportunidades para o sector.
Esta xornada representou un paso adiante para seguir impulsando a economía social como modelo económico centrado nas persoas e comprometido co desenvolvemento sostible de Galicia.